CRTVG

Buscar

Continúa a baixada de casos activos de coronavirus en Galicia

Publicado o 11/09/2021 11:25

• As persoas coa infección de covid son 4.041 (-345)

Continúa a baixada de casos activos de coronavirus en Galicia

A situación epidemiolóxica da covid en Galicia segue a mellorar día tras día. Con datos das 18 horas do venres e respecto das 24 horas anteriores réstanse case 400 casos activos máis grazas a que continúan a producirse altas e os contaxios baixan nun 46,6 % durante a semana. A incidencia tamén descende: a de 14 días está en 125. Hai 4.041 persoas co virus, que son 345 menos ca o xoves.

Os contaxios do día soben de xeito lixeiro e son 169, cun aumento de 23 sobre os rexistrados o xoves.

A presión asistencial diminúe en cifras xerais, con 146 enfermos nos hospitais, que son seis menos que a xornada previa. A baixada prodúcese en planta, con 6 pacientes menos, agás nas UCI, onde son 43 as persoas ingresadas, as mesmas que o día anterior.

O Sergas notificou o venres catro novos falecementos pola covid-19, o que eleva a 2.602 as vítimas mortais durante a pandemia. Morreron un home de 90 anos no hospital de Ourense, un varón de 88 anos na residencia As Gándaras de Lugo, unha muller de 72 anos, no hospital da Coruña e un home de 81 anos na residencia Domus Vi Monforte.