Contense o virus en Sobrado, Soutomaior e Chantada, que seguen, con todo, no nivel alto
Tamén seguen preocupando, por estaren en nivel de restrición alto, os concellos de Sobrado na Coruña, Soutomaior na provincia de Pontevedra e Chantada na de Lugo; en todos a incidencia do virus vaise contendo e mesmo baixa.
O que peor está é Soutomaior, cunha incidencia acumulada de douscentos dezaseis casos a catorce días por 100.000 habitantes. Aquí só funcionan as terrazas, e as clásicas marisquerías de Arcade fan esforzos ímprobos pare reciclarse e preparar comida para levar. Malia todo, os veciños víveno con relativa tranquilidade.
Sobrado dos Monxes manténse cos mesmos 171 casos por cen mil habitantes a 14 días, un impacto rechamante nun concello que anda polos 1.800 habitantes.
Chantada, en Lugo, experimenta unha leve baixada, con 159 casos de incidencia acumulada. Os chantadinos acudiron case ao 100 por cento ao seu último cribado. O municipio lugués, cabeceira de comarca, debería estar celebrando estes días a festa do viño.