CRTVG

Buscar

Galicia alivia as restricións: ocupacións do 90 % e máis comensais na hostalería

Publicado o 09/10/2021 08:40

A cultura, os espectáculos e a maioría de actividades poden celebrar cunha capacidade do 90 % desde as doce desta noite, que avanzan cara a ocupacións xerais do 100 %. Rexe esa cifra para todo tipo de espectáculos co público sentado. De pé, en interior, as ocupacións estarán aínda ao 50 %.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala que se pida o certificado covid para entrar nos albergues turísticos como fixera antes co ocio nocturno. É obrigatorio nos albergues públicos e privados que pretendan elevar a ocupación ao 75 %. Non será necesario se manteñen unha cabida do 50 %. Mantense a norma que permite encher os cuartos ao máximo sen presentar certificado se os ocupantes conforman un grupo burbulla ou fan o Camiño xuntos.

A norma engadiuse a última hora ao Diario Oficial de Galicia, que regulamenta a ampliación de cabidas aprobada no último comité clínico. Ocupacións ao 100 % en exteriores e ao 90% en interiores na maioría das actividades.

Tamén aumentan ata 10 en interior o número de persoas por mesa na hostalería; na terraza, 20. E os grupos xa non terán límite máximo en actividades sociais ou deportivas.

"Ir abrindo as restricións pouco a pouco ata estar seguros de que todo está como debería ser na nova normalidade. Paréceme normal que ao baixar as incidencias rebaixen as restricións", opinan os cidadáns que consultamos na rúa.

Seguimos nunha pandemia, pero aquí en Galicia, e en case toda Europa en situación de control. "Cada vez está circulando menos o virus e estamos por tanto no final da onda pandémica, aquí, no noso medio", lembra o catedrático Juan Gestal.

Nós e os asturianos, con menos de 20 casos por cen mil e os indicadores á baixa, estamos nas mellores cifras desde a fin do confinamento duro. Todo grazas ás vacinas. Con cifras récord de inmunizados, cantas máis vacinas, máis preto da volta á vida normal.

"Cando os casos que se produzan sexa un goteo, dous, tres, catro, entón plantexarse tamén o abandono da máscara tamén en interiores. Todas estas medidas, ilas deixando atrás, sei que a moitas persoas lles vai xerar unha sensación de inseguridade porque levamos moito tempo, pero ben, este é o camiño nos queda por percorrer".

Con máscara e distancia, polo momento toca comezar a percorrer a recta final dese camiño, desprendéndonos pouco a pouco, con cautela, das restricións que non acompañaron 19 meses. A fin comeza a albiscarse.

Noticias web

09/10/2021