CRTVG

Buscar

Consolídase o descenso da curva en Ourense, mentres segue medrando na maioría das cidades

Publicado o 29/07/2021 21:38

Cunha suba meteórica de contaxios desde primeiros de xullo, Ourense acadou o pasado venres o pico máximo de toda a pandemia, 1.267 casos. Dende aquela a incidencia comezou a diminuír lentamente.

"Ourense está descendendo por sexto día consecutivo. Temos un 13 % menos de casos que no momento pico. A tendencia descendente confírmase", asegura o xerente da área sanitaria, Félix Rubial.

A recuperación apenas se nota na incidencia a 14 días, pero Ourense xa ten mellores datos a sete días que Pontevedra, Vigo, A Coruña e Santiago.

"As medidas aplicadas de xeito precoz no momento en que tiñamos incidencias superiores ás doutras áreas e probablemente sexa o espello en que poidan verse outras capitais de Galicia que están sufrindo ese proceso acelerado de crecemento que sufrimos nós semanas atrás", afirmou Rubial.

Capitais que estarán o sábado en nivel alto canda outros 41 concellos galegos. Doce terán máximas restricións. Destacan na lista os concellos turísticos. Ao Grove e Sanxenxo súmanse na fachada atlántica Baiona e Muros.

"Nós facturamos o 50 % do noso volume de negocio durante o verán, nestes dous meses. E que nos poñan estas restricións xa vindo dun ano moi duro...", explica Eloi Fernández, presidente da Asociación de Hostalería de Muros.

Os contaxios disparáronse en Muros despois das festas do Carme e afectan maioritariamente xente nova. A alcaldesa, Inés Montiagudo pídelle aos mozos de entre 16 e 29 anos que asistan ao cribado con test de antíxenos que se vai facer no centro da saúde da localidade na tarde deste venres.

En Lugo repítese a situación do verán pasado coa Mariña convertida na zona cero da covid na provincia. Desde o sábado terá tres concellos con máximas restricións, Burela, Foz e Viveiro.

Noticias web

29/07/2021