Consellos para non afogar na praia
A praia da Xunqueira, en Moaña, está considerada un areal familiar e tranquilo e sen perigos para os bañistas. Socorristas e veciños sospeitan que as dúas persoas que faleceron onte na auga sufriron algún problema de saúde.
"O calado é mínimo, non hai correntes e a auga esta máis quente que noutras praias da ría de Vigo porque o non ter profundidade está quente. Non hai problemas de animais mariños nin nada. É unha praia a onde veñen os nenos a xogar e as persoas maiores a pasear e a nadar. Non teñen problema", explica o socorrista do areal.
Malia todo, en calquera areal hai que seguir unha serie de recomendacións antes de meterse na auga, como agardar un pouco despois de facer exercicio, meterse pouco a pouco despois de tomar o sol ou saír inmediatamente se se senten mareos, dor de cabeza, calafríos ou malestar.