CRTVG

Buscar

Consellos para evitar os roubos nas vivendas baleiras no verán

Publicado o 17/07/2019 13:55

Os ladróns non descansan durante as vacacións de verán. As casas que quedan baleiras son un dos seus obxectivos na temporada estival. Á hora de deixar a vivenda para saír de viaxe, hai que ter en conta algúns consellos para evitar desgustos ao regreso.

Garantir que non entren a roubar nas casas que quedan baleiras cando a xente marcha de vacacións é case imposible, pero si que hai algunhas medidas que dificultan o traballo dos ladróns.
O máis importante é dar a sensación de que a vivenda está habitada.

Toño López, técnico dunha empresa de seguridade: "Ter unha persoa de confianza que poida recoller o correo, mover un pouco as persianas... Temos sistemas de domótica para facelo. Acender unha luz ou apagala e montar sistemas e portas de seguridade".

Hai que evitar gardar na casa diñeiro e obxectos de valor. Tamén aconsellan facer unha lista dos dispositivos electrónicos que quedan na vivenda co número de serie e con fotos. Así será máis doado recuperalos se se produce o roubo. Ademais, algo fundamental é a discreción nas redes sociais.

Toño López, técnico dunha empresa de seguridade: "A xente marcha de vacacións e pon as fotos nas redes sociais. Isto é mellor facelo á volta, nunca cando estás fóra porque é un xeito de dicir que non estás na casa".

Ante calquera movemento sospeitoso nunha vivenda que sabemos que está baleira, o mellor é avisar as forzas de seguridade. A colaboración cidadá pode ser de grande axuda.

Noticias web

17/07/2019