CRTVG

Buscar

Consellos para comer o cogomelo de coresma sen risco

Publicado o 20/02/2019 17:22

Os forenses teñen que estudar as mostras do tecido pulmonar da falecida. Manexan a hipótese da morte por asfixia ao ver que o resto de afectados melloraron ás poucas horas de sufrir molestias gastrointestinais. A muller, de 46 anos, falecía o domingo na súa casa despois de xantar nun restaurante uns cogomelos con arroz.

O home e o fillo da falecida tamén se viron afectados, pero a súa evolución foi boa. Outras sete persoas que xantaran nese restaurante tiveron que ser atentidas con síntomas similares aos dos familiares da muller. O restaurante, que conta cunha estrela Michelin dende o 2009, permanece pechado. O seu dono, que sospeita que foi o arroz con cogomelos o motivo da intoxicación, decidiu pechalo de forma provisional mentres dure a investigación.

Consellos para consumir morchella

A falta de confirmar as causas da morte desa muller, o certo é que ata o de agora non existe ningún caso confirmado de falecemento por unha morchella ou, como se coñece aquí, cogomelo de coresma.

Trátase dun cogomelo de ribeira, que adoita medrar na primavera e que é moi apreciado polo seu sabor. Non adoita atoparse facilmente nos montes galegos, pero si noutras zonas do Estado. E todas as guías existentes dan as mesmas indicacións para o seu consumo: é necesario deshidratalos primeiro, rehidratalos despois cocéndoos durante máis de media hora, e sempre desbotar a auga da cocción. Dese xeito, queda libre da toxina que contén. Con todo, non hai ningunha morte documentada a causa deste fungo.

É doado atopar morchellas nas froiterías. Coñecidas aquí como cogomelos de coresma, teñen forma alveolada, como de colmea, na parte superior, e son ocas. Nos montes galegos é difícil atopalas. Considéranse comestibles, pero hai que sometelas a un procesamento previo ao seu consumo para despoxalas de toxicidade. Os expertos recomendan seguir sempre as indicacións de consumo e só inxerir as especies máis identificables para evitar intoxicacións.




 

Noticias web

20/02/2019