CRTVG

Buscar

Consellos para acadar un mellor descanso nocturno no confinamento

Publicado o 18/04/2020 15:24

As preocupacións e o cambio de rutinas están aumentando os trastornos do sono con risco de que se manteñan tras o período de confinamento. Os especialistas recomendan expoñernos á luz pola mañá, practicar exercicio ou evitar as sestas para acadar un mellor descanso nocturno.

 

 Buscamos un sono reparador. Pero ás veces a noite non acompaña as nosas intencións e menos na situación actual. Á incerteza e preocupación polo que estamos a vivir únense eses cambios de rutinas obrigados polo confinamento. E un mal descanso pode ter consecuencias ao día seguinte.

Paula Giménez Rodríguez é a directora da Unidade Multidisciplinar do Sono do Grupo HLA: "Sensación de falta de descanso ao despertar, sono de mala calidade, somnolencia durante o día, cefaleas, alteración do estado de ánimo en forma xa sexa de ansiedade ou de estados distímicos, leves estados depresivos e tamén problemas de memoria ou mesmo de falta de concentración".

Existe o risco de que estes trastornos do sono poidan manterse unha vez remate o confinamento. Por iso é importante establecermos unhas boas rutinas para mellorar o descanso nocturno. Comezan con este xesto, expoñernos á luz sobre todo ás primeiras horas do día, ou intentar teletraballar preto dunha ventá. Ademais, agora que o noso tempo de traballo, ocio e familia conflúen na casa, é importante termos horarios estables e rutinas.

"Outro punto moi importante é o exercicio físico. É moi importante que establezamos unha rutina de exercicio físico diario. Sempre tentando evitalo nas horas previas ao sono. E outro punto clave é limitar o uso de dispositivos electrónicos, especialmente nas horas previas ao sono. Estes dispositivos nos alertan, estimulan, e logo van facer que o noso descanso vaia ser máis pobre", comenta Paula Giménez.

Recomendan evitar as sestas ou limitalas a vinte minutos. E para deitarnos á noite, intentar desconectar das preocupacións e sustituílas por un ritual relaxado e monótono. A lectura, con tanto beneficios, tamén vai favorecer o noso descanso nocturno

Noticias web

18/04/2020