CRTVG

Buscar

A Xunta aposta por poñer a segunda dose de AstraZeneca a menores de 60

Publicado o 18/05/2021 11:22

O Goberno galego considera que o máis razoable é poñerlle a segunda dose de AstraZeneca aos colectivos menores de 60 anos inxectados coa primeira. Porén, segundo o conselleiro de Sanidade, a Xunta adoptará a medida que se acorde na xuntanza da Comisión de Saúde Pública que se celebra ás 18:30 horas.

Julio García Comesaña insiste en que o Executivo galego, asesorado polo seu grupo técnico, aposta por inocular a pauta completa de AstraZeneca a todas aquelas persoas menores de 60 que non reaccionasen de xeito negativo á primeira dose. "Incluso podería facerse algún axuste por idade", salienta, "pero Galicia defende esa postura".

Así e todo, nunha conferencia de prensa en Vigo, o titular de Sanidade subliña que Galicia vai adoptar "con lealdade" o que se decida na reunión desta tarde.

Ritmo de vacinación

Respecto á vacinación das persoas de 50 a 59 anos, asegura que vai a bo ritmo e prevé, se se confirma a chegada de máis remesas de Pfizer, que a poboación menor de 49 comece a inmunizarse antes do remate de xuño.

No canto ás tripulacións, continúa a administración de Janssen en Vigo e Burela. "Estamos afinando as listaxes para optimizar a vacinación das persoas que marchan" ao mar, en coordinación co Instituto Social da Mariña. Neste caso, reciben o soro nos hospitais máis próximos aos lugares de embarque. 

Sen máscara no exterior

Sobre os prazos para comezar a quitar a máscara no exterior, Comesaña ve posible "dentro dunhas semanas" prescindir do tapabocas "en condicións moi concretas". Refírese a "pasear en espazos amplos" do litoral ou do monte, pero "seguimos defendendo o seu uso para correr".

Segundo o conselleiro, este avance producirase en función da evolución epidemiolóxica. "Estamos a actuar con certa prudencia e pendentes da repercusión que poida ter o incremento da mobilidade das últimas semanas", aclara.

Probas diagnósticas

Julio García Comesaña lembra que Galicia segue a estar por riba da media española no número de probas diagnósticas por cada 100.000 habitantes, sen contar coas de cuspe. Estas últimas estanse a practicar nos cribados periódicos das residencias de maiores, nas unidades móbiles que se desprazan aos concellos con altas incidencias ou nas instalacións portuarias.

Ademais, continúa a colaboración cos colexios farmacéuticos para facilitar os test de cuspe á cidadanía. Nos próximos días, comezarán a distribuírense nas boticas das provincias de Ourense e Lugo. En Pontevedra e na Coruña, segundo o titular de Sanidade, xa están dispoñibles.

Noticias web

18/05/2021