CRTVG

Buscar

Conmoción no Vicedo polo atropelo mortal dunha corredora

Publicado o 22/06/2021 14:23

Natalia Sánchez Pulgar, unha veciña do Vicedo de 46 anos, morreu atropelada cando estaba a practicar deporte. A muller corría pola estrada LU-862, á altura da praia de Arealonga, cando a levou por diante un furgón nun cambio de rasante. No mesmo lugar había unha pasarela de madeira, pero crese que a evitou para non escorregar por ela.

"Ninguén sabe o que pasou, pero esa pasarela cando está mollada é moi esvaradía. Xa é moi difícil camiñar por ela mollada, e correr é imposible. Por iso se supón que ela ía polo lado de fóra. Pero de todas formas ía pola beiravía, non pola estrada". "É perigoso. Alí as raias e a beiravía están moi preto da estrada, polo que queda moi pouco espazo para andar", comentan os veciños.

A corredora falecida era unha muller moi coñecida e apreciada no Vicedo. A través do colectivo Peña Lar de Viveiro, fora impulsora da proba de trail do Fuciño do Porco.

"Natalia era unha persoa moi activa, con moita vida social aquí no concello. Colaboraba en moitas actividades deportivas e culturais do municipio. Tamén estaba na ANPA. Do trail, que empezamos con moita ilusión, foi unha das persoas impulsoras, e deuno todo o día da proba. Tamén investigaba novas rutas aquí polos montes", explica un amigo.

A muller finada neste accidente deixa dous fillos menores orfos, aos que xa lles morrera o pai anos atrás tamén de forma repentina.

Noticias web

22/06/2021