CRTVG

Buscar

Conmoción en Mondariz-Balneario pola morte da veciña á que lle caeu unha árbore

Publicado o 04/10/2021 21:45

Na parroquia de Vilasobroso, en Mondariz, segue a conmoción pola tráxica morte da veciña Josefa Agulla, acontecida mentres presenciaba un concerto. A caída dunha árbore de grandes dimensións sobre o público ocasionou, ademais, feridas leves a outras catro persoas. 

Unhas flores lembran o lugar onde faleceu Josefa, de 60 anos, mentres presenciaba un concerto canda outras 80 persoas. A árbore, un plátano de gran tamaño, caeu cara ao lado onde se atopaba Josefa. A investigación determinará a causa aínda que, segundo un informe recente do Concello, tanto a árbore que caeu como as outras dúas que seguen en pé estaban en boas condicións.

Os veciños de Vilasobroso, a parroquia onde vivía co seu home, coinciden, conmocionados, en que foi un caso de mala sorte. Josefa Agulla, Fita, como a coñecían os seus veciños, vivía a maior parte do tempo en Vilasobroso, a parroquia  de onde é o seu home e a onde ambos regresaron cando el se xubilou. Eran coñecidos e apreciados. Todos destacan a súa implicación co pobo. Manuel mesmo foi candidato do PSdeG á alcaldía de Mondariz.

A morte de Josefa semella ser froito, sobre todo, da mala sorte. Estaba a piques de rematar o concerto nos xardins do Gran Hotel de Mondariz Balneario. Unha árbore de gran tamaño caeu sobre a parte do público onde estaba Josefa e ocasionou a súa morte e feridas ao seu home e a outras tres persoas.

A investigación aberta determinará a causa do suceso. As primeiras hipóteses apuntan a que as fortes chuvias e o vento desta fin de semana puideron facer efecto na árbore caída, porque un recente informe forestal do Concello confirmaría que os tres plátanos, de propiedade municipal, estaban en bo estado.

Tamén en 2014 viamos unha imaxe parecida en Mondariz-Balneario. Un carballo de gran tamaño caera sobre as instalacións do balneario e deixara catro persoas feridas. Ademais, a piscina exterior e a sauna quedaran moi danadas. Daquela, no momento do accidente non chovía nin sopraba un vento forte.

Noticias web

04/10/2021