CRTVG

Buscar

Confirman a presenza da variante india do coronavirus no barco confinado en Vigo

Publicado o 01/05/2021 23:50

• Tres dos mariñeiros están contaxiados coa variante india

• A evolución dos tripulantes é favorable co buque en corentena

 

O Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro confirma a variante india en tres das cinco mostras de covid-19 recollidas entre a tripulación do barco amarrado no porto de Vigo.

Trátase da variante B1.617 subvariante 2, que é sensible á vacina. Esta mutación é que se fixo predominante na India en coincidencia coa forte repunta da pandemia no país asiático. Nas outras dúas mostras non se determinou un resultado pola pouca carga vírica que tiñan. Pero como todos os casos son do mesmo gromo, e foi nun barco cun espazo moi delimitado dáse por feito que todos os casos son da mesma variante da covid.

Polo tanto, neste momento o gromo estaría localizado e controlado. Ademais os dous mariñeiros hospitalizados en Vithas Fátima en Vigo permanecen estables. O resto están a bordo da embarcación e seguen en illamento asintomáticos.

É a primeira vez que se confirma en España a presenza da variante india. Son seis contaxiados, dos que catro permanecen a bordo do "Prometheus Leader" cunha clínica leve. Outras 16 persoas están en corentena no barco e non chegaron a pisar terra. O mercante chegou a Vigo o luns 26 procedente de Southampton. Antes de recalar no Reino Unido, o barco estivo na Alemaña e Bélxica e xa é habitual que nos portos haxa cambios de tripulación.

Posiblemente en Southampton entraron os traballadores procedentes da India. Sospéitase que un deles, asintomático introduciu o SARS-Cov-2.