Confírmanse catro casos da nova variante británica da covid-19 en Madrid
• Hai outros tres casos sospeitosos | Restrinxirase a mobilidade a partir do luns en catro novas zonas sanitarias básicas
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Comunidade de Madrid confirmaba hoxe a a presenza da nova cepa británica da covid-19 en varios casos relacionados con viaxeiros procedentes do Reino Unido.
Segundo Antonio Zapatero, Viceconselleiro de Saúde Pública da Comunidade de Madrid, "confirmamos mediante secuenciación xenómica a presenza de catro casos confirmados desta variante británica na nosa comunidade e que actualmente hai outros tres sospeitosos, que estase a secuenciar o xenoma do virus cuxo resultado estará dispoñible nos vindeiros días".
Dende a Comunidade de Madrid tranquilizaron a poboación indicando a que nova cepa da covid-19 non produce síntomas máis graves, pero si é máis contaxiosa. A presidenta da comunidade, Isabel Díaz Ayuso, responsabilizou ao presidente do goberno pola chegada dos viaxeiros contaxiados a través do aeroporto Madrid-Baraxas.
"Quero denunciara a irresponsabilidade de Pedro Sánchez e o seu goberno". "Hai máis de seis meses que por carta, en conferencias de presidentes, en persoa, lle solicitei facer do aeroporto Madrid-Baraxas un lugar seguro", manifesta a presidenta da comunidade madrileña. "E agora volvemos coñecer que apenas se fan PCR, e que están entrando coma un coladeiro casos contaxiosos coma o caso británico que estamos a coñecer", engade.
Tamén hoxe Madrid tivo que ampliar as restricións de mobilidade a catro zonas da comunidade, e xa son dez, por mor dunha taxa de incidencia superior aos 400 casos por cen mil habitantes.