CRTVG

Buscar

Confírmanse catro asasinatos por violencia machistas nas últimas 24 horas en España

Publicado o 18/05/2021 20:00

• O último deles tivo lugar en Corbera de Llobregat

Confírmanse catro asasinatos por violencia machistas nas últimas 24 horas en España

EFE

EFE

Un home matou a súa parella e posteriormente suicidouse en Corbera de Llobregat (Barcelona). Trataríase da cuarta morte relacionada coa violencia machista nas últimas 24 horas, despois de que transcendese un caso case idéntico no Creixell (Tarragona) e do asasinato dunha muller e o seu fillo en Sa Pobla (Mallorca), cuxos cadáveres foron atopados onte.

Foi o fillo da muller quen, ao chegar esta tarde a casa, en Corbera de Llobregat, atopou o cadáver da súa nai, de 42 anos e nacionalidade brasileira, con evidentes signos de morte violenta, ante o que avisou os Mossos d'Esquadra.

Cando os axentes chegaron ao lugar, localizaron un segundo cadáver, que segundo as fontes próximas ao caso consultadas por Efe sería a parella da vítima, un home de 50 anos e nacionalidade española que, tras matar a muller, suicidouse.

Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, non constan antecedentes xudiciais de violencia entre a parella.

Trátase do segundo crime machista de case idénticas características que se coñeceu nas últimas horas en Cataluña, despois de que pola mañá transcendeu que onte á noite se localizaron os cadáveres dunha muller de 52 anos e dun home de 56 nun domicilio do Creixell (Tarragona), nun caso de violencia machista xa que supostamente o home matou a muller e suicidouse.

Axentes da área de Investigación Criminal da Rexión Policial Metropolitana Sur dos Mossos d'Esquadra abriron unha investigación para aclarar as circunstancias do crime machista de Corbera, nun caso que se atopa baixo o secreto das actuacións.