CRTVG

Buscar

Confirman os primeiros positivos por covid-19 en atletas da Vila Olímpica de Toquio

Publicado o 18/07/2021 11:23

A organización dos Xogos Olímpicos e Parolímpicos de Toquio 2020 informa este domingo dos dous primeiros positivos en coronavirus detectados entre os atletas que están aloxados na Vila Olímpica, a tan só cinco días da inauguración do evento deportivo.

Os dous deportistas, non xaponeses, deron positivo na véspera no período de 14 días tras a súa entrada no Xapón, aseguran os organizadores, que non dan máis detalles sobre os casos por manter a confidencialidade.

Os primeiros contaxios entre os atletas da Vila coñécense un día despois de revelarse o primeiro positivo dentro do complexo residencial situado nunha das illas artificiais da badía de Toquio, o dun membro non deportista dunha delegación tamén estranxeira.

Os contaxios dos dous deportistas forman parte dos dez novos positivos notificados este domingo entre os participantes dos Xogos, pero o resto de afectados non están aloxados na Vila Olímpica, nin tampouco o outro atleta.

Desde o un de xullo, a organización informou de 55 positivos en covid-19 relacionados cos Xogos Olímpicos, entre as máis de 18 mil persoas que chegaron ao país e outras persoas que residen alí. As cifras non inclúen outros contaxios detectados con anterioridade, como os dous positivos diagnosticados en xuño no equipo olímpico de Uganda e outros casos dentro da propia organización



 

Noticias web

18/07/2021