CRTVG

Buscar

Confirman no Brasil o primeiro caso de coronavirus en América Latina

Publicado o 26/02/2020 16:18

• Deixa doce mortos en Italia e dous en Francia

O Goberno do Brasil confirmou este mércores o primeiro caso de coronavirus rexistrado no país e en América Latina, detectado nun cidadán brasileiro que este mesmo mes pasou uns dez días na rexión italiana de Lombardía.

"Foi confirmado o resultado positivo" e, a partir deste intre, "adóptanse diversas medidas" de prevención, algunhas das cales "foran anticipadas", polo que o "status sanitario" e o nivel de alerta "mantéñense igual", dixo nunha conferencia de prensa o ministro de Saúde, Luiz Henrique Mandetta.

O paciente é un brasileiro de 61 anos que entre os pasados 9 e 21 de febreiro estivo en Lombardía, no norte de Italia, país en que se rexistraron ata hoxe doce mortes e uns 370 infectados polo virus e desde o que regresou ao Brasil vía París, onde fixo unha conexión con rumbo a São Paulo.

Mandetta explicou que o paciente chegou ao país sen síntomas, pero que o pasado domingo, dous días despois da súa chegada, se dirixiu ao hospital Albert Einstein, de São Paulo, debido a un "malestar" que as primeiras análises atribuíron ao coronavirus. O resultado deses exames foi referendado este mércores polo Instituto Adolfo Lutz, un laboratorio de referencia a nivel nacional, tras o cal as autoridades deron por confirmado o primeiro caso e comunicaron a situación á Organización Mundial da Saúde, segundo indicou o ministro.

Doce mortos en Italia e dous en Francia

A epidemia de coronavirus levou hoxe a Italia a contabilizar doce falecidos, mentres que Francia sumou a súa segunda vítima mortal, nun continente onde os casos aínda son a pequena escala en comparación coa situación que se vive en varios países asiáticos. O principal foco sitúase en Italia, con doce mortos que se contabilizan dentro dos 374 contaxiados, 50 máis que os rexistrados no último balance do martes, segundo informou Protección Civil. 

Houbo, ademais, dous mortos en Francia. E rexistráronse casos de afectados noutros países europeos como Alemaña, Croacia, Rusia, Austria, Suíza e España. 

En Italia o último falecido é un home de 69 anos con patoloxías respiratorias da provincia de Lodi, na rexión de Lombardía, no norte de Italia, a máis afectada polo COVID-19, con 258 infectados. A maioría dos contaxiados atópase en situación de illamento nos seus domicilios, segundo Protección Civil, que subliña que máis do 95 % das probas realizadas a outros pacientes susceptibles de padecer este virus deron negativo. 

Mentres tanto, en Francia un home de 60 anos faleceu a pasada noite e converteuse na segunda vítima mortal nese país. A vítima, que estivera previamente nun hospital da periferia de París, foi trasladado este martes a outro centro médico da capital nun estado "gravísimo" e morreu ás poucas horas. Segundo varios medios, o segundo falecido non estivera en ningunha das zonas de risco da enfermidade. Trátase dun docente da rexión parisiense que comezara a sentirse mal ao comezo das vacacións escolares, hai uns dez días.

52 mortos máis na China

Corea do Sur é, neste momento, o país onde máis medra o número de contaxios, e na China rexistráronse este mércores 52 novas vítimas. A cifra máis baixa desde que empezou a epidemia.En todo o mundo, o número de falecidos é de 2.700.

 

 

Noticias web

26/02/2020