Confirman no barco illado en Vigo os primeiros casos da variante india en España
• O gromo está localizado e controlado | Tres das cinco mostras secuenciadas confirman a presenza da variante
• Hai unha vintena persoas a bordo en corentena, catro delas positivas asintomáticas
Son os primeiros casos confirmados en España coa variante india e por iso todas as miradas están postas neste barco atracado e confinado no peirao de Vigo. O gromo está localizado e controlado, dado que a súa tripulación non pisou terra. Pero esta nova cepa xa está presente en 21 países.
Unha variante en estudo, segundo a OMS, da que tentan analizar o seu comportamento fronte ás vacinas.
Pero nesta loita por controlar estas novas cepas unha ferramenta moi útil, consonte os expertos, é a secuenciación dos casos positivos mentres non se logre a inmunidade de rabaño.
A precaria situación sanitaria da India, a superpoboación deste país e unhas medidas de seguridade tardías poderían estar detrás desta explosión de casos e falecementos. Isto fai que non se saiba con exactitude o grao de responsabilidade desta nova variante na grave situación que vive o país.