CRTVG

Buscar

Confirmado en Mallorca o segundo caso de coronavirus rexistrado en España

Publicado o 09/02/2020 20:54

Trátase do pai da familia británica ingresada dende o venres en Palma. A muller e as dúas fillas deron negativo. Segundo as autoridades sanitarias, o infectado está ben, cunha carga viral pequena.

Sanidade busca agora as persoas que puideron ter contacto con el durante a viaxe entre Mallorca e Francia, onde se contaxiou dun amigo.

O británico ingresado en Palma co coronavirus de Wuhan permanecerá en illamento ata non dar negativo dúas veces consecutivas ao virus, pero encóntrase ben. O paciente estivo en contacto cunha persoa infectada nunha viaxe de esquí que fixo a Francia, e de volta nas Baleares, onde reside, presentou síntomas.

Cando chegou o venres ao hospital xa non os tiña, pero quedou ingresado e tomáronlle as mostras que confirmaron este domingo a presenza do virus. A muller e as dúas fillas, de dez e de sete anos, tamén ingresadas, a maior con gripe común, deron todas negativo.

Tamén van facer seguimento doutros posibles contactos estreitos do paciente. As autoridades traballan para identificalos.

O afectado é o segundo positivo en España, despois do turista alemán que se descubriu que se contaxiara no seu país cando xa estaba na Gomera.

Ata o momento, informouse de 813 mortes polo coronavirus, agás dúas, todas na China. A cifra supera os decesos causados pola síndrome respiratoria aguda grave, que incidiu entre 2002 e 2003. Os contaxiados co coronavirus de Wuhan tamén multiplican por máis de catro os infectados daquela.

Con todo, na Organización Mundial da Saúde din que o número de casos parece estarse estabilizando, aínda que recoñecen que é pronto para facer predicións.

Noticias web

09/02/2020