CRTVG

Buscar

Confirman a prisión provisional para tres dos detidos polo crime de Samuel

Publicado o 16/07/2021 14:16

A titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña ratificou este venres a prisión provisional, comunicada e sen fianza que xa fora decretada para tres dos seis detidos pola agresión mortal ao mozo Samuel Luiz na Coruña.

Durante a dilixencia, a xuíza instrutora preguntoulles aos tres se tiñan algo que engadir ao que xa declararon o venres pasado no xulgado de garda. Dous deles non quixeron dicir nada máis, mentres que o terceiro si agregou algún dato á súa comparecencia.

A ratificación da medida foi adiantada aos xornalistas polo avogado dun dos detidos, José Ramón Sierra.

A xuíza instrutora citara para este venres os tres mozos para decidir se procedía ou non a ratificación da prisión provisional, que decretou para eles o venres pasado o xulgado de Instrución número 1 da Coruña, que estaba de garda.

Un dos tres di ser "inocente"

Os tres mozos saíron da sede xudicial contra as doce do mediodía e subiron no autobús da Garda Civil que os levou de volta ao cárcere de Teixeiro. Tan só un deles non tapou a cara. Foi o mesmo que ante preguntas dos xornalistas que estaban no lugar falou á prensa e dixo que é "inocente".

Dos seis detidos por este crime, tres permanecerán en prisión provisional, unha moza foi posta en liberdade con medidas cautelares e dous menores foron internados nun centro

Tamén debería levantarse o segredo do sumario, pero un recurso da fiscalía adiou esa decisión. Algo que os avogados da defensa consideran unha perda de tempo que lles impide ter acceso ao material do precedemento e preparar en condicións a defensa.

Agora será a Audiencia Provincial a que decida o levantamento do segredo do sumario, probablemente a semana que vén. 

Noticias web

16/07/2021