CRTVG

Buscar

Confirman a condena de oito anos para o acusado de asasinar o seu cuñado cunha fouce en Lugo

Publicado o 24/05/2019 17:36
Confirman a condena de oito anos para o acusado de asasinar o seu cuñado cunha fouce en Lugo

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o recurso de apelación interposto por un home que fora condenado a oito anos de prisión pola Audiencia Provincial de Lugo por tentar asasinar o seu cuñado cunha fouce no barrio de Cimadevila da capital lucense.  

Tal como recolle o TSXG na súa sentenza, os feitos ocorreron en agosto de 2016, cando a vítima se atopaba arranxando un pozo e o acusado propinoulle por detrás un golpe cunha mangueira tras o cal lle dixo: "Voute matar". Instantes despois, cando o seu cuñado se atopaba no interior do portal da súa casa, atacouno cunha fouce. Os maxistrados da Audiencia provincial de Lugo xa destacaran no seu escrito que o condenado actuou "con ánimo de acabar coa súa vida", pois a agresión produciuse "por detrás" e a vítima non puido reaccionar.  

"Asestoulle un golpe na zona da caluga coa parte cortante da fouce provocando que caese ao chan a consecuencia do violento golpe sufrido, propinándolle a continuación unha patada e abandonando o lugar de maneira inmediata", explicaba a sentenza do tribunal provincial, tal como recolle o TSXG.   Como consecuencia da agresión, o afectado ten como secuelas dores cervicais, limitación da mobilidade da columna e unha cicatriz na cabeza.

Desta maneira, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación, polo que mantén a condena de oito anos de prisión, así como a prohibición de comunicarse e aproximarse ao seu cuñado durante 15 anos. Ademais, terá que pagar unha indemnización á vítima de case 29.170 euros, así como 1.800 euros ao Servizo Galego de Saúde. Contra esta sentenza cabe interpor recurso de casación ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo dentro dos cinco días seguintes ao da última notificación que da mesma fágase ao Ministerio Fiscal, á representación das demais partes e ao propio acusado.

Noticias web

24/05/2019