CRTVG

Buscar

Confirman a condena de oito anos de prisión para o home que intentou matar a súa ex-parella en Ribeira

Publicado o 15/06/2020 16:52
Confirman a condena de oito anos de prisión para o home que intentou matar a súa ex-parella en Ribeira

A sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que condenou a oito anos de cárcere, como autor dun intento de homicidio, un home que atacou cun coitelo ao seu ex-ex-parella en agosto de 2018 no portal do seu domicilio, en Ribeira. 

Os maxistrados rexeitan o recurso interposto pola defensa do condenado contra a resolución, que tamén lle condenou a non comunicarse nin aproximarse á vítima e a non vivir en Ribeira durante un período de 15 anos. Os maxistrados indican que, da proba practicada, conclúese que a intención do imputado era matar a súa ex-moza. 

Ademais, subliñan que "non resulta posible a apreciación da drogadicción e alcoholismo como eximente completa", tal e como pedía o acusado, pois "ningunha proba existe de que tales consumos, aínda supoñendo que existisen o día dos feitos, tivesen incidencia sobre o coñecemento e a vontade do acusado". 

O TSXG tamén considera que a Audiencia aplicou correctamente a agravante de xénero, pois destaca que o procesado cometeu os feitos "en razón da situación de dominación que sentía sobre a vítima, de desprezo pola súa condición de muller e ante a negativa desta de renovar a súa relación con el".