CRTVG

Buscar

Confirman a condena a 20 anos de cárcere para o home que matou a sogra na Coruña

Publicado o 11/10/2019 16:24
Confirman a condena a 20 anos de cárcere para o home que matou a sogra na Coruña

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena a 20 anos de prisión para o home, veciño da Coruña, que matou a súa sogra, de 73 anos, en agosto de 2017, na cidade herculina, segundo informa o alto tribunal galego. Ademais da condena de prisión, en que a Audiencia da Coruña tivo en conta a atenuante de confesión, o ditame estableceu para o condenado a prohibición de residir e achegarse ao termo municipal da Coruña durante 30 anos. Tamén fixou unha indemnización á súa ex-parella de 60.000 euros e á outra filla da vítima, neste caso de 30.000 euros. 

Agora, tras os recursos da defensa e da acusación particular, a Sala do Civil e Penal do TSXG confirma a condena de 20 anos por un delito de asasinato, segundo considerou probado o tribunal do xurado.   Con todo, modifica o ditame da sentenza impugnada no sentido de que entende que procede impor ao condenado a pena de prohibición de aproximarse a súa ex-parella e filla da falecida e aos seus fillos por un espazo de 500 metros, así como de residir na cidade da Coruña ou onde residan os anteriores polo tempo de 30 anos, ampliando os termos da prohibición respecto da sentenza da Audiencia.