CRTVG

Buscar

Confirmado un caso da cepa británica de covid-19 na área de Santiago

Publicado o 30/12/2020 10:52

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá de que se confirmou un dos casos da cepa británica de coronavirus que estaban en estudo en Galicia, e indicou que se trata dun paciente que se atopa na área sanitaria de Santiago de Compostela.

Informouno este mércores nunha conferencia de prensa na Coruña, en que detallou que esta persoa viaxou desde o Reino Unido e fíxoselle unha "proba específica" debido á súa orixe, despois de que dese positivo o seu compañeiro de viaxe.

"Xa está en marcha o proceso de notificación ao Ministerio. Confirmouse que é así", sinalou o titular de Sanidade, despois de apuntar onte que había dous casos en estudo desta variante en Galicia. Agora, asegurou, está a traballarse no estudo e o rastrexo dos contactos dese caso.

Ademais, García Comesaña apuntou que hai outro grupo de seis persoas na Mariña de Lugo, tamén procedentes do Reino Unido, aos que se lles fixo a proba porque presentaban síntomas, pero aínda non se dispón do resultado.

Trátase de cinco persoas que pertencen a unha mesma familia e outra persoa que é contacto estreito deste grupo.

Así, son un total de sete casos da cepa británica en estudo en Galicia, e un xa confirmado.