CRTVG

Buscar

Confinan preto de 3.000 veciños na Palma ao pasar a lava por un polígono industrial

Publicado o 11/10/2021 20:52

A lava avanza polo polígono industrial dos Llanos de Aridane. Ao seu paso atopa fábricas cargadas de produtos químicos e incendia unha cementeira. Os gases que se producen neste choque poden ser prexudiciais para a saúde. E o vento, que comeza a virar a oeste, non limpa a atmosfera senón que mete os gases para a terra. Case 3.000 veciños da contorna non poden saír da casa. Polo menos ata que se analice a calidade do aire.

O derrubamento do flanco norte do volcán liberou un caudal de lava que arrastra todo ao seu paso. Nestes momentos, nove coadas percorren a illa. A que está máis ao norte atópase a 300 metros do mar e podería acabar formando outra plataforma de lava sobre o océano na praia de El Perdido.

Rubén López, Vulcanólogo do Instituto Xeográfico Nacional, asegura que lles preocupa "como vai avanzando sobre todo a cara norte da montaña Todoque, que aí si vai arrasando casas e vai facendo dano no pouco que quedaba xa en pé de Todoque". María José Blanco, directora do Instituto Xeográfico Nacional en Canarias, di que "segue habendo grandes bloques arrastrados pola coada máis do norte. Seguen activos os centros de emisión e poderían aparecer outros novos".

O Instituto Xeográfico Nacional localizou máis de 40 terremotos durante a última noite no sur da illa. O máis forte, de 4,3 graos. A lava cobre xa máis de 590 hectáreas e levou por diante máis de 1.200 edificios. A altura de cinsa supera os 4.000 metros. O aeroporto da Palma estivo operativo este luns pero con atrasos. E o cambio de dirección do vento podería obrigar a pechalo xa este martes.

O presidente Pedro Sánchez volverá visitar a Illa este mércores. É a súa cuarta viaxe á Palma dende que comezou a erupción do Cumbre Vieja.

Noticias web

11/10/2021