CRTVG

Buscar

Alemaña establece un confinamento estrito na Semana Santa

Publicado o 23/03/2021 09:35

Esta madrugada e tras case doce horas de reunión cos líderes dos 16 estados do país, Angela Merkel comparecía para anunciar a marcha atrás na desescalada. Confinamento estrito na Semana Santa, ampliación do peche do país ata o 18 de abril e esixencia de PCR negativa ao aterrar en Alemaña, veña de onde veña o viaxeiro.

A decisión da PCR está directamente relacionada coa polémica polas viaxes dos alemáns a Mallorca. Calcúlase que esta medida afectaría a uns 40.000 turistas que se prevén para esta Semana Santa nas illas, que xa comezaron a chegar.

Estas viaxes xeran unha forte controversia en Alemaña, onde teñen prohibido o turismo interno e non poden aloxarse nun hotel por motivos de ocio, e tamén en España, onde hai restricións para moverse entre autonomías. Aquí, a Ministra de Turismo pide paciencia á cidadanía. 

Entre esas recomendacións que indica a ministra de exteriores están os mapas de incidencia por rexións. A avalancha de reservas a Mallorca comezou pola saída das illas da zona de risco segundo o criterio alemán. Pero o incremento dos contaxios nos últimos días conduce o goberno das Baleares a propor, de novo, o peche dos interiores na hostalería, cando levaban só unha semana abertos. O cerramento será probablemente antes da fin de semana. Os medios locais avanzan que o venres se decretará tamén o peche perimetral de cada illa.

Noticias web

23/03/2021