O sector pide que as axudas europeas para a pesca se estendan ata finais de ano
A Unión Europea convoca hoxe as axudas previstas no Fondo Europeo Marítimo de Pesca con que o sector espera aliviar en parte a situación derivada da pandemia de coronavirus.
As axudas poderían alcanzar ata tres cuartas partes das perdas que demostren os traballadores do mar, mentres que o 25 por cento restante sería sufragado polo Estado. A convocatoria terá carácter retroactivo desde o inicio da pandemia, e o sector pide que se estenda ata finais de ano.
"Cando termine o estado de alarma a situación económica vai tardar moito en recuperarse", alega o presidente da Asociación de Palangreiros, José Antonio González, que engade que "o sector terá tempos distintos de recuperación en función das distintas pesquerías, e algúns necesitarán alongar as axudas o maior tempo posible".
Así, González explica que o sector "está tentando adaptarse á nova situación", logo do desconcerto inicial, cando caeron os prezos en lonxa ante o parón no consumo. "A xente non estaba adaptada ao confinamento, pero agora a cousa estabilizouse".
Mal a baixura, a altura aguanta
Explica que mentras a baixura e o marisqueo, e tamén os peixes finos, están moi afectados polo peche da restauración, outro tipo de pesquerías vanse estabilizando e aguantando, con prezos que non son óptimos "pero tampouco malos". Os arrastreiros do Gran Sol, engade, si pararon ao principio porque especies como o peixe sapo baixaron de prezo dos 5-8 euros ata 1,50 euros. Tamén hai problemas, di, nos que se dedican ao conxelado. "Moitos pararon, porque o peixe espada, por exemplo, estábase vendendo a perdas".
Respecto das axudas, González asume que "hai que ter paciencia porque van tardar en chegar", pero insiste na necesidade de que non rematen cando se dea por finalizado o estado de alarma, e chama a atención sobre outra cuestión controvertida. "Estase propoñendo que as empresas que xa se puideron acoller a un ERTE vexan incluídas as cotas que deduciron no contido destas axudas, e son cousas diferentes que deberían ir desligadas".