Taxas de graos universitarios e mestrados, conxeladas por décimo ano consecutivo
As universidades galegas decidiron, por décimo ano consecutivo, manter conxelado o custo da matrícula dos graos e dos mestrados habilitantes, que son os que cómpre cursar para poder exercer unha profesión. Así o acordou o Consello Galego de Universidades nunha xuntanza en que tratou tamén a oferta académica para o vindeiro curso.
O acordo deberá ser aprobado polo Consello da Xunta e establece tamén baixada dos prezos públicos das primeiras matrículas dos mestrados non habilitantes, é dicir, os enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica, ata equiparalos aos prezos de grao universitario.
Deste xeito, o prezo medio de matrícula dos mestrados non habilitantes pasará dos 26,49 € por crédito aos 11,89 euros de media establecidos xa para os graos universitarios e os mestrados habilitantes.
A Consellería de Educación destaca que Galicia seguirá a ser no vindeiro curso a comunidade coas taxas de matrícula universitaria máis baixas do Estado.
No Consello Galego de Universidades aprobouse tamén a posta en marcha, o vindeiro curso, dun novo grao en Nanotecnoloxía na Universidade da Coruña, e na de Santiago, no Campus de Lugo, o novo grao de Bioquímica e o de Empresa e Tecnoloxía.
Ademais, a oferta de másteres non habilitantes increméntase con sete novas especialidades.