O Goberno aprema a sindicatos e patronal para aprobar a extensión dos ERTE a semana próxima
A ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, animou os interlocutores sociais a pechar un acordo para estender os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) "antes do próximo martes".
Durante a súa intervención ante a Comisión para a Reconstrución Social e Económica no Congreso dos Deputados, Díaz referiuse así ás negociacións que se desenvolven na comisión tripartita entre Goberno, patronal e sindicatos.
Neste sentido, a ministra referiuse á mesa de diálogo social que negocia como e en que sectores ampliar as condicións dos ERTE máis aló do 30 de xuño, que é cando termina o prazo actual.
"Hoxe mesmo reuniuse a comisión tripartita e aproveito para animar para que canto antes, antes do martes que vén, haxa un acordo próspero para o país", dixo a ministra.
Neste sentido, o Goberno mantén a súa proposta aos axentes sociais de prorrogar ata o 30 de setembro os expedientes tanto por forza maior como por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción.
Patronal e sindicatos piden que a estensión desta medida chegue ata finais de ano.
Atención presencial nas oficinas de emprego
Os sindicatos piden que se adíe a apertura das oficinas de emprego ata que os traballadores do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) finalicen a tramitación dos expedientes de regulación temporal (ERTE) que aínda quedan pendentes.
Galicia podería entrar na "nova normalidade" o vindeiro luns, pero nas oficinas de emprego demandan que antes de retomar a atención presencial se establezan medidas de protección axeitadas para garantir a seguridade laboral.