Os traballadores de Alcoa buscan no encontro deste martes a catro bandas unha saída ao peche da fábrica
Non baixa esa presión social, os traballadores manteñen o seu calendario de mobilizacións e intensificaran as protestas. Esta martes á tarde teñen unha cita importante, a primeira reunión na que ademais da empresa estarán presentes a Xunta e o Ministerio. Unha cita moi agardada polos traballadores porque defenden que non se pode buscar unha saída aos seus problemas sen a presenza das administracións central e autonómica. Unha solución que para eles pasa pola intervención temporal da fábrica e avanzar na aprobación do estatuto para as electrointensivas, que estableza un prezo da enerxía competitivo que lle permita dar viabilidade de futuro a planta.
Volveron as barricadas ás portas de Alcoa. Os traballadores arrancaban esta xornada quentando motores para a cita desta tarde. A primeira reunión a catro bandas na que sentan coa empresa, a Xunta e o Goberno central. Agardan que dela saia o compromiso de unidade de acción das dúas administracións.
José Antonio Zan, presidente do comité de empresa: "Hoxe é un día importante porque esperamos o máis importante, non esperamos que saia a solución definitiva, pero si a base da solución, que non é outra que a Xunta e o Goberno central se poñan xuntos a levar este barco a bo porto".
Os traballadores ven unha cortina de fume a busca de novos investidores que apuntaba o presidente do Goberno e insisten na intervención da planta.
Xosé Paleo, membro do comité de empresa: "Ignoro se están ou non buscando un comprador. Iso pareceme unha cortina de fume. Queremos unha solución, a solución ten que vir dos políticos, que teñen que tomar as rendas e ser valentes".
Acoden co alento que lles deu o apoio unánime da Mariña mostrado na manifestación histórica e multitudinaria do domingo.
Alu Ibérica
O investidor que se fixo coas antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés, o Grupo Riesgo, asumiu os compromisos que tiña o fondo suízo Parter con Alcoa cando mercou as factorías, é dicir, o mantemento dos postos de traballo.
As dúas plantas de aluminio foran vendidas a Parter co compromiso de manterse á fronte durante dous anos garantindo o emprego. Parter incumpriu o acordo porque se desfixo das fábricas antes dos dous anos, pero semella que agora logrou que o Grupo Riesgo asuma eses acordos e así poderá recibir os 50 millóns de euros que estaban bloqueados.