CRTVG

Buscar

Condenas no ámbito político e institucional polos disturbios ocorridos en varias cidades

Publicado o 01/11/2020 20:59

Madrid, con 33 detidos, viviu unha noite negra nunha das zonas máis céntricas, en plena Gran Vía e en varias rúas dos arredores. No conxunto do Estado foron case 60 os detidos en distintas cidades e a pregunta é quen está detrás dos disturbios. No arco parlamentario o Partido Popular, Ciudadanos, o PSOE e Unidas Podemos condenan as protestas. Non así Vox.

Os representantes institucionais en Madrid reproban o sucedido e fan unha chamada ao civismo. "Desde o Partido Popular queremos manifestar a nosa máis enérxica condena aos actos de violencia que se están producindo en varias cidades españolas por parte de cidadáns que queren manifestar así o descontento fronte ás medidas restritivas", sinalou Enrique López, secretario de Xustiza e Interior do PP, que tamén é conselleiro na Comunidade madrileña. "Teño que dicir que me pareceu inaceptable, intolerable, o que sucedeu onte en Madrid, nas rúas de Madrid", foron as palabras de José Manuel Franco, delegado do Goberno en Madrid.

Logroño foi o segundo punto quente da noite, con moitos mozos participando nas revoltas. Agora trátase de dilucidar quen está detrás disto, se efectivamente son grupos de extrema dereita e tamén antisistema de signo ideolóxico ben diferente ou se hai un fío condutor entre distintas cidades. "Estase investigando na liña de coñecer de onde pode xurdir a organización e a convocatoria desta reunión e nestes momentos o material é inxente", anunciou María Marrodán, delegada do Goberno na Rioxa.

Desde o Concello de Logroño hai unanimidade dos distintos grupos para esixir responsabilidades aos violentos. "O concello persoarase para esixir e reclamar a indemnización polos danos que a todos os logroñeses e logroñesas se nos produciu e provocou", explicou Pablo Hermoso, alcalde de Logroño.

No País Vasco, as convocatorias nas tres capitais partiron de grupos negacionistas da covid-19. Tamén se investiga se hai unha base ideolóxica que os defina e os intereses que pode haber detrás.

Noticias web

01/11/2020