Condenan a Sarkozy a tres anos de prisión por tráfico de influencias e corrupción

O Tribunal Correccional de París acaba de condenar o expresidente francés Nicolas Sarkozy a tres anos de prisión por corrupción e tráfico de influencias. É o primeiro exinquilino do Elíseo sentenciado a unha pena de cárcere.
Do total da condena, dous anos están exentos de cumprimento e o terceiro pódese converter en detención domiciliaria ou vixilancia cun brazalete electrónico.
O Tribunal condena a unha pena similar o alto maxistrado Gilbert Azibert e o avogado do expresidente, Thierry Herzog, a quen lle impón ademais cinco anos de inhabilitación para exercer a avogacía.
As penas son algo inferiores ao que reclamara a Fiscalía, que pedía dous anos de cárcere firmes contra os tres acusados.
Os xuíces consideran probado que existiu un pacto de corrupción para beneficiar os intereses xudiciais de Sarkozy tras a súa saída do Elíseo no ano 2012. Estas actuacións saíron á luz en conversas telefónicas intervidas pola policía no 2014 entre o exmandatario e o seu letrado.
Destas charlas desprendíase que ambos os dous contactaran con Azibert, entón membro do Tribunal Supremo, para obter información doutra causa aberta contra o expresidente a cambio de axudar o maxistrado a lograr un posto en Mónaco.
"Particular gravidade"
A sentenza recolle a "particular gravidade" do delito cometido por Sarkozy, tendo en conta a súa condición de expresidente. Neste sentido, considera que "enche de descrédito" un cargo que, pola Constitución, lle outorga o poder de equilibrio da xustiza.
O veredicto tamén é moi duro con Herzog, un dos máis reputados avogados de París, e con Azibert, a quen acusa de “desacreditar unha profesión cunha función básica na democracia”.
A histórica condena a Sarkozy, que pode apelar a sentenza, prodúcese dúas semanas antes de que se abra outro proceso no que está implicado. Desta volta, o das supostas irregularidades no financiamento da súa campaña para as eleccións presidenciais de 2012.