CRTVG

Buscar

Condenan a Rodrigo Lanza a cinco anos de prisión polo crime dos tirantes

Publicado o 26/11/2019 12:53

A Audiencia Provincial de Zaragoza condenou a cinco anos de cárcere a Rodrigo Lanza por matar en 2017 nun bar de Zaragoza un home vestido cuns tirantes coa bandeira española.

A sentenza considérao culpable dun delito de lesións dolosas en concurso con homicidio imprudente e imponlle o pagamento dunha indemnización de 200.000 euros.O coñecido como crime dos tirantes, pola prenda coas cores da bandeira española que levaba a vítima, ocorreu hai dous anos nun bar de Zaragoza.

Nese local, o condenado, Rodrigo Lanza, agrediu brutalmente a Víctor Laínez, que acabaría ingresado nun hospital, onde morreu días máis tarde.

No xuízo, o xurado popular declarou culpable a Lanza dun delito de lesións imprudente co resultado de morte. O veredicto consideraba que a agresión foi intencionada, pero non buscaba a morte do agredido.

Agora, a Audiencia zaragozana condena a Rodrigo Lanza a 5 anos de cárcere por un delito de lesións dolosas en concurso ideal con outro de homicidio imprudente.

A sentenza contempla a atenuante de arrebato leve e a agravante de actuación por motivos de odio.

O condenado deberá indemnizar os familiares da vítima con 200.000 euros. O xuíz acorda recoñecer os case dous anos de prisión xa cumpridos por Lanza, pero déixao, polo momento, en prisión.

Noticias web

26/11/2019