Condenan a Alcoa a cumprir as condicións pactadas co persoal da Coruña e Avilés

A Sala do social da Audiencia Nacional condena a multinacional estadounidense Alcoa a cumprir as condicións sobre extinción de contratos que se produzan e de recolocación externa nos termos que se fixaron nos acordos alcanzados o 15 de xaneiro de 2019 nas plantas de Avilés e A Coruña. Con eses acordos culminara o período de consultas iniciado como consecuencia da decisión empresarial de efectuar neses dous centros un despedimento colectivo.
Na sentenza, ordena cumprir esta medida alternativa pactada ao incumprir a complementaria de reindustrializar as plantas e manter o emprego mediante a súa compravenda a unha empresa "seria, solvente e rigorosa". Antes, debía adaptar as instalacións para afastalas da súa actual obsolescencia.
Deste xeito, estima parcialmente a demanda presentada por varios sindicatos no preito exposto no marco do conflito colectivo relacionado cos acordos alcanzados no período de consultas do despedimento colectivo.
Na resolución, analiza todo o proceso de compravenda e a súa adquisición por parte das sociedades Parter Capital e Blue Motion e sinala que Alcoa non ofrece "ningún dato" que permita "sequera inferir que cumpren co perfil do comprador serio, solvente e rigoroso que debe acreditar".
Pola contra, o tribunal considera manifesta "a contribución de ambas as dúas á situación de desolación en que se atopan as plantas e o seu persoal". Ademais, engade que Alcoa nunca deixou de ser o empresario real tras a compravenda das plantas.
Segundo conclúe, o proceso de venda das plantas establecido no acordo alcanzado no período de consultas fracasou porque o seu propósito como medida de acompañamento (o da reindustrialización das plantas que permita a continuidade dos empregos) non se logrou por causas imputables a Alcoa.
En consecuencia, engade a Audiencia, actívase a obriga subsidiaria e alternativa dos acordos entre Alcoa e a representación do persoal do 15 de xaneiro: a extinción das relacións laborais nos termos, condicións e prazos establecidos.
A sentenza estima parcialmente as pretensións dos sindicatos recorrentes porque absolve as codemandadas Alu Ibérica LC S. L. e Alu Ibérica AVL S. L. ao entender que a responsabilidade é exclusiva do empresario que subscribiu os acordos, Alcoa. As outras, só estarían vinculadas ás consecuencia derivadas da alternativa de reindustrialización e mantemento do emprego.