CRTVG

Buscar

Condenan un membro dos Moróns a seis anos e medio por entrar a tiros nunha festa

Publicado o 15/07/2021 14:04

O xulgado do penal número tres de Pontevedra condenou a Juan Paulo Giménez, membro do clan dos Moróns, a seis anos e medio de prisión por entrar a tiros nunha festa de pedida de man celebrada no Porriño.

A maxistrada considera probado que Giménez acudiu o 19 de maio de 2019 a unha festa de pedida de man que unha familia, rival dos Moróns polo control dos mercadiños en Galicia, Os Zamoranos, estaba a celebrar nun centro multiusos do Porriño.

Logo de entrar no recinto, onde había un cento de persoas, iniciou un tiroteo e como consecuencia dos disparos dous proxectís rebotaron e impactaron nunha menor, á que o condenado deberá aboar 33.011 euros, e noutro invitado, que recibirá 33.958 euros.

A titular do xulgado pontevedrés asegura que, a pesar da "animadversión recíproca" provocada polo enfrontamento de ambos os clans, a versión dos asistentes á festa é "crible" debido á "inmediatez" das súas primeiras declaracións.

Todos eles coincidiron en identificar a Juan Paulo Giménez como o autor dos disparos "sen ningunha dúbida e xa desde o primeiro momento", sinala a xuíza, para a que resulta "verdadeiramente difícil" que as testemuñas se puxesen de acordo para declarar o mesmo "apenas unha hora despois do suceso".

Giménez, segundo consta na sentenza, "actuou con conciencia do risco que creaba" e, a pesar diso, "executou a súa acción", sendo ademais coñecedor dos perigos que comportan as armas, xa que afirmou ante o tribunal "que lle encantan e que as identifica a quilómetros".

Ademais de pedir a revisión da sentenza, o avogado da Sociedade Xitana Española anunciou que ampliarán a querela interposta contra a xuíza e a fiscal instrutora do Porriño por vulneración de dereitos fundamentais.

Noticias web

15/07/2021