CRTVG

Buscar

Condenan 131 controladores aéreos en Madrid polo caos aéreo de 2010

Publicado o 15/10/2020 19:57
Condenan 131 controladores aéreos en Madrid polo caos aéreo de 2010

A titular do Xulgado do Penal número 18 de Madrid condenou 131 controladores aéreos a multas de entre 15.000 e 31.500 euros, así como ao xestor aeroportuario Enaire -antes AENA- como responsable civil subsidiario, por abandono do servizo público durante a folga de decembro de 2010.

Absolve, en cambio, dous dos acusados pola Fiscalía, un deles o que fora portavoz da Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA), César Cabo, que non pactou co Ministerio Público e contra o que non se atoparon probas, xa que no momento dos feitos estaba de viaxe en Asia.

O ditame, que contempla como atenuante as dilacións indebidas que sufriu o proceso, tamén recoñece o abono de máis de 13 millóns de euros aos prexudicados polo peche do espazo aéreo durante preto de 20 horas, en concepto de responsabilidade civil.

Da devandita cantidade terán que facerse cargo todos os condenados de forma conxunta e solidaria xunto coa empresa pública, Enaire.

Na súa sentenza, cuxo contido íntegro se coñecerá nos próximos días, a maxistrada considera probado que os acusados "adoptaron un mecanismo de presión laboral consistente en abandonar os seus postos de traballo de forma masiva, paralizando, desta forma, o tráfico aéreo, e iso baixo a dirección dos membros da Xunta Directiva e delegados sindicais do sindicato USCA".