CRTVG

Buscar

Condenados a 9 anos e medio de cárcere os dous xefes do grupo que introduciu 60 quilos de heroína en Galicia

Publicado o 22/11/2019 10:55
Condenados a 9 anos e medio de cárcere os dous xefes do grupo que introduciu 60 quilos de heroína en Galicia

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza en que condena a penas de prisión que van desde os 9 anos e medio aos 4 anos e medio de cárcere os 12 acusados de introducir uns 60 quilos de heroína en Galicia, que foi localizada en agosto de 2017 nunha nave de Caldas de Reis. Así, os considerados xefes do grupo, o avogado vigués Manuel E. M., e o arousán Juan Jesús V. P., ambos con antecedentes por narcotráfico, foron condenados a 8 anos e medio de cárcere por tráfico de drogas e outro ano máis por pertenza a grupo criminal, así como ao pago dunha multa de 9 millóns de euros cada un.

Por outra banda, o acusado Miguel P. F. foi condenado a 7 anos e 9 meses de prisión por tráfico de drogas e a 9 meses de cárcere por pertenza a grupo criminal; o acusado Manuel M. M., foi condenado a 7 anos e medio de cárcere por tráfico de drogas e outros 9 meses por integración en grupo criminal; e o acusado Daniel V. N., foi sentenciado a 6 anos e 9 meses de prisión por tráfico de drogas e outros 9 meses por pertenza a grupo criminal. A todos eles impónselles tamén multas millonarias.

A Audiencia impuxo penas de entre 6 anos e 9 meses e seis anos de cárcere a catro dos procesados de nacionalidade búlgara (Ivanov Y. M., Yordan D. Y., Iliyan A. G. e Ivan D. Y.) polo delito contra a saúde pública. A Iván Manuel M. P. imponlle 6 anos de prisión polo mesmo delito e, do mesmo xeito, tamén condena a Gardenia C. V. (parella de Juan Jesús V.P.) e Vlado S.A., ambos como cómplices no delito de narcotráfico, á pena de 4 anos e medio de cárcere, ademais das multas correspondentes en cada caso.

O tribunal provincial considera probado que os acusados Manuel E. M., Juan Jesús V. P., Manuel M. M., Daniel V. N., e Miguel P. F., formaban un grupo criminal "estable" e que, polo menos desde marzo de 2016, mantiñan contacto e estaban concertados co fin de introducir substancias estupefacientes en Galicia. Así mesmo, segundo se recolle na sentenza, o avogado vigués e o arousán Juan Jesús V. P. detentaban as funcións de coordinación e dirección deste grupo, aínda que era Manuel E. M. o que tiña a capacidade de decisión e negociación.

Ademais de atribuírlles contactos e movementos encamiñados a introducir un alixo de cocaína colombiana en Galicia (que finalmente se frustrou), os maxistrados consideran probado que prepararon a introdución dun cargamento de heroína, que foi localizado nunha nave de Caldas de Reis, previamente alugada por Manuel M. M. A droga foi transportada por dous dos acusados búlgaros, Yordan e Iliyan, oculta no habitáculo dun camión. Outro tres acusados desta nacionalidade estiveron presentes cando se descargou a droga, coa participación de Daniel V. N. e Miguel F. P., para traspasala a unha furgoneta, e fixeron labores de supervisión e vixilancia.

O tribunal considera tamén probado que o xefe do grupo, Manuel E. M., estivo nos momentos previos á descarga na nave, para pagar a droga, a pesar de que este procesado non foi detido até semanas despois. Nas inmediacións da nave, facendo labores de vixilancia, estiveron tamén os acusado Juan Jesús V. P. e Iván Manuel M. P. Con respecto a Gardenia C.V., a Audiencia estimou que era coñecedora da actividade ilícita da súa parella e doutros membros do grupo, e sinalou que, ademais de acompañalos ás reunións que tiñan co avogado vigués (ela quedaba fóra do despacho vixiando), xestionou a reserva do hotel para un dos contactos colombianos, e tivo outras intervencións.