Condenado por abandonar unha cadela na Pobra do Caramiñal
Sol é unha cadela de oito anos que acaba de dar lugar a unha condena contra o seu antigo dono por abandonala. O propietario chamou a Policía Local para que a recollese simulando que non era del e que aparecera na súa propiedade.
Marcos Rodríguez, axente da Policía Local da Pobra do Caramiñal: "Comprobamos a veracidade da chamada e atopamos un animal de raza potencialmente perigosa en moi mal estado. Tiña unha parasitose externa tremenda, moi delgada, desnutrida, e tiña cicatrices que levaban a pensar que fora maltratada".
Tirando do fío e coa colaboración cidadá, lograron demostrar a propiedade da cadela. O dono foi condenado por abandono animal a unha multa de 90 euros e a indemnizar con 2.000 a protectora Moura, que se fixo cargo de Sol. A cadela leva un ano nun centro especializado en problemas de conduta e está á espera de que alguén se anime a adoptala.
Natalia Brión, protectora de animais Moura: "Coas persoas é moi sociable, non deu problemas nin con nenos nin con anciáns. O único problema que ten é que non é quen de sociabilizar con outros animais, cremos que é debido aos malos tratos que puido sufrir".
Aínda que non é o habitual, aseguran que xa teñen identificados outros maltratadores de animais. Dáse a circunstancia de que Marcos é un dos primeiros axentes que estreou a Lei de comiso animal. Queren aproveitar este caso para concienciar os cidadáns e que se responsabilicen das súas mascotas.