CRTVG

Buscar

Condenado o alcalde de Vilanova de Arousa por chamar "chacha para todo" a Carmela Silva

Publicado o 11/06/2021 18:14
Condenado o alcalde de Vilanova de Arousa por chamar "chacha para todo" a Carmela Silva
EUROPA PRESS

O Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra acordou condenar o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán Hermida, como autor dun delito leve de falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións por chamarlle "chacha para todo" á presidenta da Deputación, Carmela Silva.

En concreto, o rexedor foi denunciado como autor dun delito de inxurias contra autoridade pública por unhas declaracións aos medios de comunicación en que se dirixiu a Carmela Silva. En concreto, afirmou que a administración provincial "é un órgano político gobernado polo Concello de Vigo, polo ancián Abel Caballero e a súa chacha para todo, que é Carmela Silva".

A setenza xudicial entende que esas declaracións do alcalde do Partido Popular "evidencian unha falta de respecto ou menosprezo ao principio de autoridade representado pola presidenta da Deputación de Pontevedra, que excede o normal exercicio do dereito fundamental de liberdade de expresión". A sentenza condena a Gonzalo Durán á pena de 1 mes de multa cunha cota diaria de 12 euros, coa responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento dun día de privación de liberdade por cada dúas cotas diarias non satisfeitas, e ao pago das custas procesuais.

No xuízo, celebrado o 1 de xuño, Carmela Silva ratificou o contido da denuncia presentada e sinalou que "durante bastante tempo" recibiu "descualificacións e insultos gravísimos e claramente machistas" por parte do alcalde de Vilanova referidas á súa condición de muller. A mandataria provincial sinalou que ese comportamento comezou case coa súa chegada á presidencia da Deputación de Pontevedra, en agosto do ano 2015, pero que foi no ano 2018 cando recibiu ese "insulto absolutamente intolerable" recollido por todos os medios de comunicación.

Pola súa banda, Gonzalo Durán recoñeceu ante o xulgado facer esas declaracións, pero puntualizou que se refería ás funcións de Carmela Silva na Deputación, "máis nada que niso, nada a título persoal". Sinalou tamén que "son expresións e comportamentos políticos" e que cre ten "todo o dereito do mundo" para dicilo. 

A sentenza non é firme e contra ela cabe interpor recurso de apelación neste mesmo xulgado.

 

 

Noticias web

11/06/2021