CRTVG

Buscar

Condenado a tres anos de cadea por unha agresión sexual en Lugo

Publicado o 06/04/2021 12:55

Tras pasar máis dun ano en prisión provisional, o autor dunha agresión sexual nun pub da capital luguesa sentou no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo. Admitiu que en febreiro de 2020 abusara dunha muller aproveitándose de que estaba bébeda e recoñeceu que lle causara coas mans diversas lesións nos xenitais. A vítima sufrira un eritema na zona vulvar, unha ferida a nivel do clítoris e unha esgazadura nun labio menor.

Nun principio, a fiscalía solicitaba dez anos de cadea para o acusado e mais o pagamento de 10.000 euros en concepto de indemnización. Logo de aplicarlle unha atenuante por embriaguez, rebaixóuselle a pena a tres anos de cárcere, polo que o agresor acabou por dar a súa conformidade coa condena.

Óscar Núñez Torrón, avogado da defensa: "Hai un acordo coa fiscalía e coa acusación particular, pola que se acepta unha rebaixa da pena de dez a tres anos, pola concorrencia das atenuantes de reparación do dano á vítima e por embriaguez".

O agresor foi tamén condenado a pagar unha indemnización de 14.000 euros, que xa foron aboados. Ademais, deberá permanecer afastado da vítima por un período de dez anos.

Noticias web

06/04/2021