Condenado a once anos de prisión por agredir e violar a súa moza en Mos

A Audiencia de Pontevedra condenou a 11 anos e 4 meses de cárcere e a 6 anos de liberdade vixiada un home que violou e agrediu a súa noiva no municipio pontevedrés de Mos. A sentenza considera acreditado que, en novembro de 2018, tras discutir co seu noivo no interior dun bar, a vítima saíu e introduciuse nun vehículo.
Minutos despois, o acusado, segundo o relato de feitos probados, agarrouna do pelo e sacouna fóra do coche. Xa no exterior do vehículo, a vítima defendeuse e rabuñoulle a cara deixándolle marcas visibles no rostro.
Ambos trasladáronse ao domicilio que compartían e, unha vez alí, volveron discutir e foi entón cando o condenado a agrediu e violou. Xunto coa pena de cárcere, dez anos pola violación e dezaseis meses polas lesións que lle causou á vítima, o acusado non poderá posuír armas durante dous anos e medio tras a súa saída de prisión e deberá manterse a máis de 500 metros dela durante once anos.