Condenan a 12 anos de cárcere o frade do Cebreiro por abusar de dous menores
• Abusou dunha rapaza de 16 anos e do seu curmán, un mozo con discapacidade. O frade atendeu durante catro anos o santuario do Cebreiro, ata que foi detido a comezos do 2015
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un frade que realizaba o seu labor no Cebreiro a 12 anos de cárcere por cometer dous delitos de abuso sexual, un deles continuado, con prevalimento e acceso carnal, e outro delito continuado de utilización de menor para elaboración de material pornográfico. Ademais, o tribunal impúxolle dez anos de liberdade vixiada e a prohibición de comunicarse e aproximarse a unha das vítimas durante doce anos; e, á outra, durante tres.
Os maxistrados consideran probado na sentenza que o imputado, entre 2014 e 2015, abusou sexualmente de dous menores, unha nena de 16 anos "cun coeficiente próximo a unha capacidade intelectual límite" e do seu curmán, de 20 anos, que presenta "unha discapacidade intelectual leve que lle impide posuír un xuízo crítico". A Audiencia destaca que o condenado se prevaleu "dunha situación de superioridade manifesta que lle daba a súa condición de relixioso e a precaria situación persoal, familiar e económica da menor”.