CRTVG

Buscar

31 detidos en Galicia e Castela e León nunha operación contra o tráfico de drogas

Publicado o 16/06/2020 11:48

• Nove dos arrestados foron enviados ao cárcere como xefes de tres grupos criminais

• Levouse a cabo en seis fases, pola súa "gran complexidade e envergadura"

A Policía Nacional conclúe a operación Neón contra o tráfico de drogas, que remata coa detención de 31 persoas en distintas localidades da xeografía galega e Castela e León. Os detidos foron imputados, segundo informa a Policía Nacional, como presuntos responsables de delitos de tráfico de drogas e pertenza a grupo criminal. Ademais, nove dos arrestados foron enviados ao cárcere como xefes de tres grupos criminais. 

A operación Neón levouse a cabo en seis fases, por mor da súa "gran complexidade e envergadura". O total da droga intervida alcanza os 1.450 gramos de cocaína, 865 gramos de marihuana e 105 gramos de haxix. Tamén se interviñeron máis de 42.000 euros en metálico e dous vehículos, entre outros bens. A investigación non se considera "concluída", polo que non desbotan que haxa máis detencións.     

Comezara nos últimos meses do 2018, cando os axentes centraron as súas pescudas nun dos principais investigados, que rexentaba varios clubs de alterne próximos á capital galega. "Aproveitaba a relativa privacidade que achega este tipo de negocios para, presuntamente, traficar coa venda de cocaína polo miúdo", subliñou a policía.

"Os axentes comezaron as súas indagacións no principal investigado, que rexentaba varios clubs de alterne na contorna de Santiago, e que tiña un modus operandi moi marcado destinado ao tráfico minorista de substancias como a cocaína, aproveitando a relativa privacidade que dan este tipo de locais", di Felipe Rodríguez, subinspector de policía e portavoz da Comisaría de Santiago.

Para conseguir a droga, o principal investigado utilizaba un método peculiar. "Contactaba con diferentes provedores de cocaína. Solicitaba pequenas cantidades de maneira fiada e, cando chegaba o momento de pagar a débeda porque xa era considerable, buscaba outro provedor e facía a mesma xogada".

E grazas a ese xeito de actuar, a policía abriu varias liñas de investigación. "A investigación que coñecemos como tipo radial, sen conexión entre as mesmas, pero que abriu distintas liñas que os axentes centraron na de Sigüeiro, a de Santiago de Compostela e a de Ourense".

Os axentes seguiron diversas liñas de investigación que permitiron identificar os presuntos provedores de cocaína en localidades como Sigüeiro, Santiago de Compostela e Ourense, segundo avanzan as mesmas fontes. 

No caso de Sigüeiro desmantelouse "un importante punto de venda de cocaína", que abastecía clientes de Oroso, Sigüeiro, Ordes, Cerceda e Santiago. As súas ramificacións estendíanse máis alá da xeografía galega, chegando ata León ou Palencia.

As pescudas que se seguiron sobre outro dos provedores do investigado e xerente do club de alterne permitiron desarticular unha importante rede dedicada á venda de substancias estupefacientes en Ourense, segundo avanzou a policía. Esta organización chegaría a realizar contactos con Portugal, Marrocos e coa cidade de Sevilla.