Concentración nas Pontes contra o peche da central térmica
O pacto de Goberno de PSOE e Podemos inclúe a aprobación do estatuto das empresas electrointensivas e plans de acción urxente para centrais como a das Pontes para fomentar o investimento en innovación e tecnoloxías verdes. A vila eumesa foi escenario onte ao serán dunha concentración multitudianaria para reclamar alternativas ao peche definitivo e inminente da central térmica.
Centos de persoas secundaron a convocatoria do comité de crise en resposta ao anuncio do peche e congregáronse na praza do Carme das Pontes para reclamar unha transición enerxética xusta e unha saída de futuro para a comarca.
Luís Varela, presidente do comité de empresa de Endesa-As Pontes: "Aínda que nos aseguren os postos de traballo, pódense dar grandes desestruturas familiares".
Manuel Bouza, presidente da Asociación de Transportistas do Carbón: "Ou pelexamos ou quedamos sen cheminea pola vía rápida. Xa non é unha broma. Hai uns prazos marcados, que non son definitivos pero se non pelexamos, van ser definitivos".
Xosé Rodríguez, presidente dos empresarios das Pontes: "Que quere pechar, xa o sabemos. O que non podemos permitir é que peche deste xeito. Que pague o que teña que pagar".
Segundo anunciou o alcalde das Pontes, as probas con biocombustibles atrásanse a febreiro. González Formoso asegurou non entender a celeridade da decisión de Endesa cunha comarca, dixo, que lle reportou millóns durante décadas.
Valentín González Formoso, alcalde das Pontes: "Primeiro habería que facer as probas en función da viabilidade e logo determinar o peche da central. Reclamar o compromiso de todos os axentes implicados, do Estado, do Ministerio, de Endesa, nun compromiso de reindustrialización desta zona".
Miguel Tellado, Secretario xeral do PPdeG: "O que lle pedimos ao Goberno é que diga que non, que sente a negociar coa empresa alternativas para que esta planta poida seguir funcionando igual ca van seguir funcionando preto de cen centrais térmicas en toda Europa".
Os sindicatos presentes no comité de crise anunciaron a convocatoria dunha folga xeral se nun prazo de días non se convoca a mesa de traballo da que forma parte o Ministerio, Concello, Xunta e Endesa.