CRTVG

Buscar

Concentración de repulsa no Carballiño pola nena agredida por outro menor

Publicado o 11/09/2021 14:52

Ducias de persoas achegáronse á praza maior do Carballiño para amosar a súa repulsa ao suceso que se saldou cunha rapaza menor en estado moi grave ao caer dende un segundo andar tras supostamente ser agredida por un amigo de trece anos, que agora permanece a disposicion da Fiscalía de menores.

"O concello do Carballiño está contra a violencia -aseguraba Manuel Dacal, tenente de alcalde do Carballiño-. Este é un apoio ás familias e para tentar dende as institucións evitar que este tipo de cousas volvan suceder".

Dende o Concello pediron o máximo respecto para as familias dos dous menores, que están a atravesar un momento moi duro, e gardouse un minuto de silencio.

"Estas cousas non gustan na vila dun, e veño para apoiar á familia", comentaba unha veciña. 
"Penso que O Carballiño enteiro está moi disgustado. Son cousas que non deberían pasar nunca", apoiaba outra.

Amigos dos familiares da moza que resultou ferida gravemente pediron xustiza mentres ensinaban carteis coa imaxe da vítima. "A familia o que pide é xustiza, pero xustiza para que isto non volva pasarlle a ningunha nai", comentaba unha coñecida da familia da nena.

A Policía Xudicial continúa a investigar os feitos, que inicialmente apuntan a que este xoves o menor atacou a rapaza cunha barra de ferro e que a vitima acabou precipitándose por un balcón á rúa. A nena permanece ingresada na unidade de críticos do CHUOU. Supostamente o menor recoñeceu diante dos axentes que quería experimentar o que supoñía matar unha persoa.

Coa vila do Carballiño totalmente conmocionada, os veciños dedicaron un sentido aplauso para desexarlle a moza a máis pronta recuperación.


 

Noticias web

11/09/2021