O Concello de Lugo e a Xunta discrepan sobre o futuro do cuartel de San Fernando
Mentres o mal estado do antigo cuartel de San Fernando avanza, o seu futuro segue sen concretarse. Dende o Concello manteñen a idea de crear un museo da romanización. Din que é un proxecto consensuado que se parazalizara pola crise e que agora hai que retomar e rexeita a idea da Xunta de crealo dentro das instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo.
Dende o Concello rexeitan tamén a proposta de crear un parador de turismo, pero dende a Xunta manifestan que conseguiría duplicar o número de viaxeiros, crearía unha trintena de empregos directos e no primeiro ano podería xerar un impacto económico dun millón e medio de euros.
O conselleiro reunirase nas vindeiras semanas coa alcaldesa socialista de Lugo e coa edil de Cultura, que pertence ao BNG. Serán reunións por separado, despois de que ambas as dúas solicitaran encontros.