Con bo humor reciben os usuarios das residencias a terceira picada da vacina
Á primeira hora desta mañá xa comezou a vacinación coa terceira dose para as persoas maiores galegas. Nas residencias sociosanitarias de Galicia viven uns 22.000 residentes, que recibirán esa vacina nas propias residencias sen ter que desprazarse a ningún centro.
Con bo humor comezaban as primeiras persoas a recibir a terceira picada. O proceso para inxectar a dose de reforzo do medicamento de Pfizer e BioNTech será semellante ao que se desenvolveu entre finais de decembro e principios de xaneiro. Non se contempla citar os usuarios nos centros de vacinación masiva, senón que as enfermeiras volverán percorrer as residencias. Unha vacinación que vai devagar debido ás dificultades que teñen moitas das persoas para desprazarse, polo que se prevé que se poida prolongar durante dúas semanas. Todos e todas están esperando pasar o momento para poder seguir coa súa normalidade o máis axiña posible.
Algúns dos residentes amosaban a súa alegría: "Estou contenta, sabiamos que era un reforzo e todo o que sexa poñer da nosa parte, creo que é necesario". "Non tiven problema ningún, perfectamente todo e se hai que levar máis, máis aínda por si acaso".
A situación epidémica é completamente diferente. Si agora empeora, como pasou sempre que se relaxaron as restricións, os maiores terán unha protección extra.
Gloria García, directora de Domus Vi San Lázaro: "Era esperada, porque é algo que consideramos necesario nesta loita contra a covid-19, non estaba moi claro cando se ía poñer, non sabíamos que sería xa. Pero informáronnos onte e é un paso máis na loita contra o coranavirus".
No caso das persoas inmunodeprimidas a quenda de vacinación decidirase en función do seu tipo de patoloxía e a medicación que tomen.