CRTVG

Buscar

O prezo da luz dispárase o xoves aos 122,76 euros/MWh, novo récord histórico

Publicado o 25/08/2021 13:03

• Competencia alerta de que algúnhas eléctricas agocharon subas dun 30 % na factura nas novas tarifas

• A Xunta pídelle ao Goberno que aclare se autorizou os baleirados nos ríos da Miño-Sil

 

O prezo da luz dispárase o xoves aos 122,76 euros/MWh, novo récord histórico

O prezo medio diario da electricidade no mercado almacenista dispararase este xoves a unha nova marca histórica, alcanzando os 122,76 euros por megawatt (MWh). O rexistro medio do pool eléctrico para mañá pulveriza así os 117,29 euros/MWh do pasado 13 de agosto, que lideraba a serie histórico ata agora.   

Para este mércores, o prezo da luz marcará un máximo de 129,81 euros/MWh -das 22.00 ás 23.00 horas- e un mínimo de 119,95 euros/MWh -das 4.00 ás 5.00 horas-. 

Con respecto a hai un ano, o prezo medio diario da electricidade para este xoves será un 165 % máis caro que os niveis que marcaba polas mesmas datas de agosto de 2020, cando foi de 46,25 euros/MWh.

A Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia alerta de que hai varias compañías enerxéticas que coincidindo coa entrada en vigor das novas tarifas eléctricas o 1 de xuño aproveitaron para incrementar un dos custos da enerxía que se inclúen na factura, o do termo de enerxía medio facturado. Eses incrementos foron de ata un 30 por cento.

A Comisión dos Mercados e da Competencia detectou que algunhas desas comercializadoras non informaron aos seus clientes dos cambios polo que lles pediu que o fagan e que corrixan os custos cobrados de máis.

O prezo da luz, no Congreso

A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, comparecerá o próximo luns 30 de agosto no Congreso para dar conta da subida do prezo da electricidade, unhas explicacións que lle pedía a oposición.

Os deputados regresaron ao Congreso tralas vacacións con varios asuntos principais na axenda como a crise de Afganistán ou o prezo da luz. Varios grupos da oposición solitaron a comparecencia extraordinaria do presidente do Goberno, pero PSOE, Podemos e outros socios parlamentarios do Goberno vena innecesaria.

Unidas Podemos volveu introducir no debate a creación empresa pública para controlar os prezos da electricidade. E Más Páis e Compromís pediron a creación dunha comisión de investigación no Congreso Sobre a suba da luz, dará explicacións a vicepresidenta Ribera a semana próxima. E tamén comparecerá o ministro de Exteriores para informar sobre Afganistán.


Noticias web

25/08/2021