CRTVG

Buscar

Como traballan na UCI de Lugo: a terceira vaga está a deixar máis ingresos nestas unidades de críticos

Publicado o 02/02/2021 14:24

Comeza a quenda na unidade de coidados intensivos do HULA. A terceira vaga acelerou os ingresos nesta planta de críticos e aumentou o volume de traballo diaro.

"É a vaga de maior volume de ingresos, con máis rapidez, con máis xente nova", así o explica Ana Ferreiro, a xefa de servizo da UCI do HULA.

Agora hai máis traballo, pero teñen máis recursos e experiencia para loitar contra un virus, ao que lle teñen respecto, pero non medo.

"Estamos máis dotados, a infraestructura é mellor, máis material, máis recursos humanos; a primeira vaga foi a máis estresante en canto o descoñecemento sobre unha patoloxía en que non tiñamos experiencia", di a xefa de servizo do HULA.

Os meses de pandemia pesan a nivel psicolóxico, pero estes profesionais non perden o optimismo. O seu estímulo é sacar os pacientes adiante.

"Non perdemos a forza, nin o entusiamo, nin a tranquilidade, e dende logo non baixamos a garda en ningún momento, estamos ao cen por cento con cada paciente", engade Ana Ferreiro.

A UCI do HULA é un servizo moderno adaptado aos retos que esixe a situación sanitaria actual. Teñen unha capacidade de 26 camas ampliable a 65. Hoxe hai 22 ocupadas. Isto permítelles recibir pacientes doutras áreas que están máis saturadas.

Noticias web

02/02/2021