CRTVG

Buscar

Como deben facer os nenos para baixar ás zonas comúns veciñais?

Publicado o 24/04/2020 18:15

Os menores de ata 14 anos poderán baixar ás zonas comúns das comunidades de veciños a partir deste domingo 26 de abril, pero sen coincidir con outros nenos nas zonas de xogo destas urbanizacións, sen estar máis dunha hora e sempre acompañados dun adulto, é dicir, respectando as mesmas medidas que as establecidas para os paseos pola rúa, durante o estado de alarma.

Os espazos comúns de veciños "son espazos privados, obxecto de regulación comunitaria". O Goberno anunciou que vai especificar uns criterios, pero que van ser os mesmos que para os espazos públicos:

• Os nenos non poderán estar en grupos superiores a 3

• Deberán estar permanentemente acompañados dun adulto

Non é aconsellable que estean máis dunha hora e non poden "coincidir en espazos de xogo conxuntos"

Todo isto precisou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, este venres na conferencia de prensa que seguiu ao Consello de ministros extraordinario.   

Con todo, Illa indicou que lles chegou unha petición suxerindo que o Goberno expoña unha norma única para todas as comunidades de veciños. Así llelo trasladaron este xoves os administradores de comunidades colexiados nunha carta ao Goberno e ao ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, despois de que o vicepresidente segundo Pablo Iglesias dixera que cada comunidade veciñal debía "establecer as súas propias normas" neste sentido.

Os administradores de comunidades precisaron que durante o estado de alarma se pospuxeron as reunións de xuntas de propietarios por non se poderen garantir as medidas sanitarias, polo que "non se poden tomar acordos sobre a utilización dos elementos comúns polos menores".

Consideran que esta decisión sobre o uso por parte dos nenos das súas instalacións comúns non se pode deixar "ao arbitrio" de cada comunidade de propietarios. O ministro de Sanidade asegurou que Dereitos Sociais está a traballar na guía en que se regularán diferentes casos.

 A ministra de Facenda e portavoz do Goberno lembrou no tocante ao paseo dos nenos que esta medida permitirá un "pequeno alivio" para eles, pero que, se se observa que non ten os resultados correctos para o control da situación sanitaria, poderase "retrotraer", tal e como prevé o real decreto polo que se proclama o estado de alarma. Do mesmo xeito, Montero tamén apelou á responsabilidade dos pais.