CRTVG

Buscar

Comité e persoal de Alcoa San Cribrao apoian o acordo para avanzar na venda da fábrica

Publicado o 19/05/2021 14:55
Comité e persoal de Alcoa San Cribrao apoian o acordo para avanzar na venda da fábrica

Visto e prace do comité e do persoal de Alcoa San Cibrao á proposta de acordo alcanzada coa multinacional para avanzar no proceso de venda da fábrica de aluminio primario, situada no concello de Cervo, a través da SEPI. A resolución ratificouse con case todos os votos a favor (só houbo un en contra) nun pleno extraordinario celebrado este mércores, e logo na asemblea onde se aprobou por maioría. 

Na proposta, ambas as dúas partes recoñecen "que unha condición imprescindible para a venda da planta de aluminio primario é que a Socidade Estatal de Participacións Industriais a merque", para despois facilitarlla "a un terceiro" se "así o estima oportuno".

Polo demais, Alcoa comprométese a establecer "contacto directo" cos seis posibles compradores que "o Ministerio de Industria proporcionou" e a traballar "simultaneamente", o que pode levar á redacción "dun ou máis documentos de termos xerais (termsheets)", con Alcoa e a SEPI "actuando como vendedor e comprador".

En todo caso, "non máis tarde de dúas semanas a partir da sinatura deste acordo", Alcoa comprométese a facilitarlles aos candidatos "información básica da planta de aluminio primario" e a proposta de termos xerais, ademais de manter informado o Ministerio de Industria e a SEPI do proceso.

Así mesmo, a compañía trasladaralles o "interese" do comité de empresa por coñecer o seu "plan industrial e enerxético".

Negociar "de boa fe"

Alcoa tamén se compromete a negociar "de boa fe" e a manter funcionando as cubas da planta de aluminio, cos recursos adicionais precisos en función das necesidades produtivas, de xeito que tampouco adoptará "ningunha nova medida extintiva".

O avance nas negociacións analizarase nunha xuntanza quincenal na que participarán Alcoa, a representación do cadro de persoal, do Ministerio de Industria, da SEPI e da Xunta de Galicia.

A cambio, o comité suspende a folga indefinida e comprométese a manter "a paz social" durante a vixencia do citado acordo, que estará en vigor ata o 19 de xullo de 2021.

Noticias web

19/05/2021